Saturday 04 de May de 2024

O goberno da Pobra presenta as propostas do POS+2023


O executivo da Pobra do Caramiñal presenta as propostas enmarcadas no POS+2023 que se aprobou no pleno extraordinario do 13 de febreiro. Segundo explica a concelleira da Facenda, Charo Varela (Nós Pobra), destinarase a totalidade da achega, 196.776’12 euros, ao financiamento de gasto corrente, facendo fronte desta maneira á subida dos prezos dos materiais e do IPC (que afecta tamén ao soldo do persoal municipal) sen actualizar as taxas e impostos municipais. Deste xeito, suporá un alivio para as persoas e as familias, para traballadores/as autónomos/as e empresas, que poderán facer fronte á situación sen ver incrementada a súa carga impositiva.

Con relación ao remanente do POS+2022, construirase unha pasarela na zona da Mercé que redunde nunha mellora da seguridade e mobilidade peonil. O proxecto ascende a 131.803 euros (93.677 euros procedentes da Deputación da Coruña e 38.126 euros do Concello).

O alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), fai fincapé na importancia desta intervención a carón da AC-305, a cal asumirá a Administración local ao considerar que é unha necesidade apremiante ao pasar por alí o Camiño de Santiago do Barbanza. A Orixe, se ben se trasladarán outras propostas á Xunta de Galicia ao ser a dita estrada de titularidade autonómica. “Mellorará a mobilidade na zona, pero tamén fará que o noso recurso turístico funcione de mellor maneira”, precisa o rexedor.

Participarase, así mesmo, no Plan Complementario mediante a terceira fase da reforma integral do Camiño Real, se ben a idea é que a obra se execute con anterioridade á entrada en vigor do dito plan. Esta actuación xa estaba adscrita no Plan do pasado exercicio, pero os permisos pertinentes de Costas, Urbanismo e Augas de Galicia demoraron a realización da mesma. O mandatario local sinala que cando se coñeza a contía final que se outorga á Pobra, decidirase a súa finalidade.

Na súa contribución á mellora da calidade de vida da veciñanza máis vulnerable, a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), anuncia que se aposta novamente pola vivenda de emerxencia social (recurso habitacional temporal), a cesta da compra (reparto mensual de alimentos) e o comedor sobre rodas (menú diario quente). O importe sitúase nos 73.278 euros (máis de 50.000 euros do ente provincial e arredor de 15.000 euros do Concello).